A pasada semana iniciouse o programa “Parellas lectoras” co alumnado de 4º e 6º de EP. Este programa desenvolverase ao longo do curso nestas clases e nas de 3º EP e 5ºEP, de maneira quincenal rotando estes cursos cada venres. O programa ten como finalidade a mellora da habilidade lectora, tanto en castelán como en galego, polo que se traballarán diferentes textos nas dúas linguas (textos xornalísticos, poesía, narrativa, instrucións…). O alumnado adestra unha estratexia entre titor e titorado que irán perfeccionando a través das diferentes sesións.
Tamén o pasado venres deu comezo o apadriñamento lector entre 5º de EP e o alumnado de 5 anos, 6º de EI. Esta actividade tamén a levará a cabo o alumnado de 3º de Secundaria con 2º de EP. Trátase dunha iniciativa que xa se puxo en funcionamento outros cursos e que resulta moi motivadora para o alumnado, sendo de especial interese no Plan lector de centro.
Ademais, esta semana inícianse os recreos alternativos e, aproveitando o bo tempo, haberá xogos no exterior. Esta luns o alumnado de 6º de Infantil xa estivo practicando exercicios de lanzamentos, equilibrio e coordinación óculo-manual. Continuarán toda a semana no tempo de lecer.
Tamén hoxe luns principia unha iniciativa novidosa: o voluntariado na biblioteca. Así, o alumnado de Primaria colaborará no sistema de empréstito de libros cos máis pequenos/as do cole, axudándolles a coller as rutinas propias da biblioteca escolar. Hai que engadir que, ao longo da semana, haberá outras accións de voluntariado na biblioteca como axudantes nas actividades dos recreos alternativos ou colaborando na organización e mantemento da biblioteca.
Este mes festexarase tamén o Día da Biblioteca, colaborarase na Animación lectora polo Samaín, coa “Semana da lectura terrorífica”, realizaranse dramatizacións e moitas outras cousas que se irán programando ao longo do mes.
Como podedes ver, o rumbo da biblioteca deste curso comeza forte, con vento en popa e a toda vela!!
Fotos acompañamento empréstito infantil