Nas últimas semanas celebrouse en Secundaria o segundo momento do PAR deste ano. Esta celebración permítenos ofrecer ao noso alumnado experiencias vitais máis alá do currículo, que os achegan a realidades sociais desfavorecidas, en moitas ocasións invisibles para eles, e que facilitan o seu crecemento persoal e a súa formación íntegra en valores.
Un dos sinais de identidade dos nosos centros é a educación en valores. Dentro da estrutura propia dos centros La Salle, atópase o «Plan de Achegamento á Realidade» (PAR) que nos permite achegar ao alumnado de todo o colexio a distintas realidades sociais desfavorecidas.
Para iso, ao longo de tres momentos durante o curso séguese o seguinte itinerario:
1.- Investigación sobre a realidade que se traballa nese nivel educativo para obter toda a información posible.
2.-Recíbese a visita de persoas ou asociacións alleas ao centro pero que conviven con dita realidade para coñecer o seu testemuño de primeira man e respostar a todas as preguntas que xurdan.
3.- Realízase algún tipo de compromiso con esa realidade dependendo do curso educativo.
Durante estas semanas, as visitas foron variadas:
En 1º ESO tiveron un encontro online con Juan Gutiérrez de la Asociación AESLEME co obxectivo da concienciar sobre como previr accidentes de tráfico e coñecer as súas graves consecuencias. Informounos de que é unha lesión medular e ofreceu o seu testemuño de como unha lesión medular lle cambiou a vida.
En 2º ESO terán nos próximos días un encontro con persoal de Cáritas que lles explicarán o seu labor de voluntariado coas persoas que non teñen recursos
Roberto, traballador de Oblatas, tivo un encontro coas clases de 3º e 4º de ESO para contarlles, respectivamente, a súa experiencia con mulleres que sofren discriminación de xénero e con persoas que viven a realidade da inmigración.
Queremos aproveitar para agradecer a todas as organizacións a súa colaboración e as facilidades que nos puxeron para estes encontros tan significativos.
