Maxia, misterio e amizade nunha inesquecible convivencia de SalleXove en La Salle La Felguera

A fin de semana do 6 de marzo celebrouse no colexio La Salle La Felguera (Asturias) unha convivencia chea de maxia. Alí reuníronse os magos e bruxas do norte do Sector de Valladolid, chegando en cadanseus autobuses o venres á tardiña. Unha vez que o gran mago Albus Dumbledore os recibiu, deu comezo a cerimonia do sombreiro seleccionador, quedando todos eles repartidos nas catro casas de Hogwarts.

Cando chegou o momento da cea, compartiron o comedor entre conversas do máis interesante. Mais, de repente, algo sucedeu… O “murmurio de Dumbledore”, que contiña o máis poderoso segredo do universo máxico, fora roubado. Así que os mestres pediron axuda a todo o alumnado máxico para que, superando unhas pequenas probas, puidesen ir descubrindo as pistas que revelarían a mensaxe codificada que o delincuente deixara fachendoso ríndose polo seu acto. Así foi como comezou a noite, cun “cluedo” cheo de misterio onde tiveron que descubrir quen fixera tal atrocidade e onde se atopaba o obxecto roubado. Por suposto, todos os integrantes das catro casas utilizaron as súas mellores habilidades para resolver o caso, celebrándoo finalmente cun chocolate quente acompañado de churros.

Ao día seguinte, tras unha noite de excelente descanso, todos os convidados compartiron un almorzo encantador, no que contaron as súas experiencias.  Despois, tras ter un pouco de tempo libre para o deporte, outra catástrofe asolou o colexio… Dumbledore foi secuestrado polos dementores! De novo, terían que ir con novos grupos de compañeiros pasando unhas probas nas que deberían recadar uns selos nos seus pasaportes máxicos.

Finalmente, tras unha intensa mañá na que tiveron que inventar feitizos, apócemas e outras actividades asombrosas; os dementores soltaron ao gran mago e puideron seguir a convivencia cun delicioso banquete de hamburguesas e patacas.

A tarde foi un momento de reflexión no que os magos comprenderán a importancia do traballo en equipo, dunha boa convivencia e, sobre todo, da capacidade tan boa que teñen para atopar a luz do seu «patronus», que pode con calquera medo que se lles presente.

Foi unha experiencia inesquecible!

Galería de fotos

Deja un comentario