- O alumnado de Pasaporte solidario achegouse na mañá do venres 26 de xaneiro ao Centro de día de inclusión social «Gabriel Vázquez Seijas» para coñecer as súas instalacións e colaborar na preparación e reparto de almorzos.
Nos centros La Salle non só coidamos a formación académica dos nosos alumnos/as, senón que tamén prestamos moita atención á educación en valores. Para iso, ademais do traballo diario nas aulas, contamos cun programa propio, denominado PAR (Plan de Achegamento Á Realidade), que permite achegar a cada un dos cursos en función da súa idade a unha realidade social diferente (cegos, inmigrantes, persoas sen fogar, persoas con diversidade funcional, xordos, Comercio Xusto, discriminación de xénero, os nosos maiores..). En tres momentos diferentes do ano, investígase como é o seu día a día, téñense encontros con asociacións da cidade que traballan con ditas realidades e, finalmente, realízanse intervencións e compromisos. O proceso de formación, que xa se inicia na aula de 3 anos, culmina en 3º e 4º de Secundaria con actividades de voluntariado encadradas no programa Pasaporte solidario da Xunta de Galicia.
Como mostra deste traballo de voluntariado, 17 alumnos/as de 3º e 4º de ESO, acompañados da profesora Mónica, colaboraron no turno de almorzos do Centro de día de inclusión social «Gabriel Vázquez Seijas» de Cáritas. Citados ás 8:15 h da mañá, comezaron por coñecer o centro. Pouco despois, divididos en grupos, estiveron ao cargo de distintas tarefas: recepción de usuarios, preparación e servir almorzos, servizo de duchas, lavandería e organización da roupa nos almacéns.
Como conclusión, podemos afirmar que a experiencia amosoulles a realidade de moitas persoas que están vivindo dificultades, axudándolles a valorar máis o que teñen, comprendendo o significado da palabra solidariedade e a importancia social do labor que entidades como Cáritas Mondoñedo-Ferrol realizan.