Dentro do ideario dos centros La Salle está prestar especial atención ao fomento da lectura. O traballo impagable feito desde o equipo da biblioteca reflíctese en cantidade de suxerencias ao longo do ano para inculcar este hábito en pequenos e maiores. É por iso que se fan actividades como apadriñamentos lectores entre diferentes clases, parellas lectoras, recreos alternativos… Unha vez ao trimestre, ten lugar unha Semana de Animación Lectora no centro que é a que se deselvolveu entre o 17 e o 21 de novembro e que estivo centrada nos cómics.
Por este motivo, ao longo de toda a semana houbo unha exposición con exemplares de consulta para todas as idades. O alumnado acudiu á biblioteca para realizar unha lectura de cómics ou facer outras actividades relacionadas con eles. Ademais, nos tempos de recreo houbo actividades relacionadas coa creación de cómics que estaban abertas a todo o que quixese participar.
O resultado foi francamente bo, con moita participación e o alumnado quedou con gañas de máis. De seguro que, desde o equipo da biblioteca, nos volverán sorprender con algunha outra actividade.
