O alumnado de 6.º de Educación Primaria e 3º ESO participou nos últimas semanas nunhas charlas de sensibilización e prevención do acoso escolar e do ciberacoso, co obxectivo de promover unha convivencia positiva baseada no respecto, na empatía e no coidado das persoas.
Ao longo das sesións, o alumnado tivo a oportunidade de reflexionar sobre que é o acoso escolar, como se manifesta e que papel desempeñan as diferentes persoas implicadas nestas situacións: quen agrede, quen sofre o acoso e quen, como testemuña, pode contribuír a que se manteña ou, pola contra, axudar a detelo.
Tamén se afondou nas distintas formas de violencia que poden aparecer no ámbito escolar, desde os insultos, as ameazas e as agresións máis evidentes ata outras condutas menos visibles, como os contactos físicos sen consentimento ou os comportamentos que non respectan os límites e o espazo persoal dos demais.
A prevención do ciberacoso ocupou tamén un lugar destacado nas charlas. A través desta reflexión, abordáronse os riscos asociados ao uso das redes sociais e das novas tecnoloxías, incidindo na importancia de actuar con responsabilidade, respecto e sentido crítico tamén no ámbito dixital. Porque a convivencia e o respecto non rematan cando saímos da aula: deben estar presentes en todos os espazos nos que nos relacionamos.
Unha das mensaxes fundamentais das sesións foi a importancia de pedir axuda e non afrontar nunca unha situación de acoso en soidade. Neste sentido, lembráronse as diferentes persoas e canles de apoio ás que o alumnado pode recorrer: o profesorado, os compañeiros e compañeiras, o equipo directivo e as propias familias. Así mesmo, deuse a coñecer o punto laranxa, unha ferramenta que permite comunicar situacións de maneira anónima e facilita que estas poidan ser atendidas.
Con iniciativas coma esta, La Salle Ferrol continúa traballando para construír unha escola segura, inclusiva e libre de violencia, na que cada neno e cada nena poida sentirse escoitado, respectado e protexido.
Porque educar tamén significa ensinar a convivir, aprender a respectar os demais e comprender que ante o acoso non podemos mirar cara a outro lado. A prevención é unha responsabilidade compartida e o benestar de todo o alumnado, un compromiso de toda a comunidade educativa.
