O alumnado de 5° e 6° EP tivo a súa primeira saída do curso o xoves 19 de novembro. A primeira parada foi no Museo de Belas Artes de A Coruña.
Fixeron un percorrido pola historia de Galicia. Primeiro, a través da arte. En dito museo, apreciaron como se constrúe a identidade dun territorio e levárono á práctica traballando en pequenos grupos para crear o seu propio escudo heráldico e o seu lema. Cando remataron, compartírono co resto dos compañeiros/as. Tamén se achegaron á identidade cultural a través da mirada de diferentes pintores que plasmaron nas súas obras os costumes de Galicia ao longo da historia. O alumnado de 6º, da man da obra de Luis Seoane e das historias da poboación migrante galega do século XX, achegouse a problemáticas sociais actuais como poden ser as migración forzadas polos conflitos e a realidade dos refuxiados. Para rematar, coñeceron a obra dun profesor de Picasso, Isidoro Brocos, durante o tempo que o artista viviu na Coruña.
Ao rematar, puxeron rumbo á seguinte visita: o Muncyt (Museo de Ciencia e Tecnoloxía). Alí achegáronse á ciencia a través dunha visita guiada polas pezas máis destacadas do museo, comezando pola sala “Maíúsculas” que conta con algunha das pezas máis grandes que se conservan no museo como o primeiro ordenador que chegou a España –un IBM 650 adquirido por RENFE no 1959-, a máquina coa que se proxectou a última película do cine París, e a lanterna que utilizou a Torre de Hércules, o faro en funcionamento máis antigo do mundo e declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 2009, durante a segunda metade do século XIX.
Outra das salas que máis os impresionou foi a “Sala Iberia” que conta coa cabina do Boeing 747 Jumbo “Lope de Vega” e que forma parte da nosa historia, porque nas súas adegas viaxou de Nova York a Madrid o Guernica (obra de Pablo Ruiz Picasso, 1937).
Para finalizar a visita, fixeron un obradoiro de química no que, a través dunha reacción química, comprobaron a cantidade de vitamina C que conteñen diferentes líquidos, comprobando o divertida que pode ser a ciencia.
Antes de regresar, repuxeron forzas no comedor do Muncyt, onde compartiron un rato de lecer cos seus compañeiro/as. Foi un día cheo de descubrimentos!
