O alumnado de 1º de ESO converte o centro nun laboratorio aberto para pechar a narrativa «Life»

Coincidindo coa celebración da Semana da Ciencia, os estudantes de 1º de ESO puxeron o punto final ao seu segundo proxecto do curso, a narrativa «Life», cunha Feira científica aberta ás familias o pasado venres 13 de novembro.

Ao longo das dúas últimas semanas, o traballo na aula xirou arredor da traxectoria e o legado da bióloga Lynn Margulis. A partir da súa figura, o alumnado non só investigou a orixe da vida e os factores biolóxicos e sociais necesarios para o seu mantemento, senón que tamén abriu un debate sobre os referentes positivos na sociedade actual, tentando responder a unha cuestión clave: «como quen quero ser?».

Para dar forma a esta xornada de portas abertas, distintas materias colaboraron de xeito transversal na preparación dos contidos e materiais:

  • Comunicación e deseño: Creación das invitacións dirixidas ás familias para convidalas ao evento.

  • Experimentación práctica: Demostracións en vivo empregando pigmentos naturais.

  • Divulgación científica: Presentacións sobre a estrutura das células, as diferentes capas da Terra e a formación do sistema solar.

A pesar dos nervios iniciais, o resultado desta aprendizaxe foi fantástico como se pode observar na galería de imaxes do centro, que recolle os mellores momentos da xornada. Queremos agradecer a todas as familias que se achegaron ata o cole para acompañarnos nesta experiencia tan gratificante

Galería de fotos

Deja un comentario