A vendima é unha magnífica experiencia para crecer e compartir

Coa chegada do novo curso, o alumnado de 1º e 2º de EP compartiu unha experiencia conxunta para comezar o ano fortalecendo os lazos de unión e convivencia, seguindo o lema para este curso: «Construíndo un mundo máis fraterno».

Durante varios días da semana pasada, nas aulas destes cursos estiveron aprendendo sobre a vendima: que é, como se colle a uva e cal é o proceso que permite obter o seu zume e, para pór en práctica todo o aprendido, recrearon a súa propia vendima no colexio.

Organizados en grupos cooperativos, os nenos e nenas tiveron que coller as uvas das cepas, separar as uvas dos acios e, despois, chegou o momento máis agardado: pisalas cos pés para extraer todo o seu zume! Unha actividade diferente, divertida e, por que non dicilo, un pouquiño noxenta!

A experiencia permitiu aprender dunha maneira vivencial, compartir momentos entre compañeiros de diferentes cursos e descubrir o valor de traballar xuntos, axudarse e gozar aprendendo.

Ademais, contaron cunha colaboración moi especial. Un dos alumnos de 1º EP, coa axuda do seu pai, envioulles un vídeo no que explicaban os diferentes aparatos e ferramentas que se utilizaban tradicionalmente no proceso de elaboración do viño e do augardente.

Unha vendima moi especial que lles deixou as mans, os pés e os sorrisos cheos de uva… e, sobre todo, axudounos a seguir construíndo un mundo máis fraterno!

Galería de fotos