Unha fantástica experiencia na convivencia dos grupos de Sallexove fin de curso

  • Despois de todo un ano de reunións e multitude de actividades, os grupos Sallexove do cole remataron a súa actividade coa convivencia desta mañá

Durante a mañá do sábado 27 de maio, como peche final do curso nas actividades de Sallexove, os nenos e nenas de grupos gozaron duns xogos especialmente deseñados polo equipo de animadores do colexio.

Como convidados estrela tiveron a un numeroso grupo de 5º de primaria, que se integraron moi ben en todas as actividades que se levaron a cabo durante a mañá. De primeira man puideron “enchouparse” do bo ambiente que se dá nos grupos cristiáns, polo que seguramente haberá un novo e fantástico grupo de 6° de EP o próximo curso. Comezaron a convivencia cunha pequena presentación, para poderse recoñecer durante o resto das dinámicas, e amosaron as súas habilidades no xogo de “pescar a galleta”. Despois, dividíronse en dous equipos e tiveron que enfrontarse os “polis” cos “cacos” para atopar unhas bolsas secretas que necesitaban para o resto da mañá, pois contiñan parte do material das actividades. Pasaron por diversos xogos de auga que foron domáis agradecido grazas ás altas temperaturas da xornada.

Ao mediodía, xuntáronse todos no comedor para facer un xantar compartido, no que cada un, incluídos animadores, trouxeron un aperitivo que comezaba coa inicial do seu nome. Foi unha experiencia moi divertida e houbo unha variedade de alimentos sorprendente!

Finalmente, despois de deixar todo recollido, tiveron un pouco de tempo libre no patio antes de baixar á capela, onde se celebrou unha sesión de Godly play moi interesante. Nela fixeron un xesto no que se comprometeron a axudar a aquelas persoas do arredor ás que coñecen e, ás veces, esquéceselles axudalas; sobre todo, pensando naquelas que a sociedade deixa de lado, para que poidan volver formar parte do círculo social.

Esta convivencia foi verdadeiramente unha gozada! O equipo de animadores quedou moi satisfeito co resultado desta, así como do bo comportamento e a participación dos rapaces. Esperámosvos con moita ilusión para o vindeiro curso 2023-24.

Galería de fotos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *