O patio do colexio converteuse a semana pasada nun auténtico campo de voo. O alumnado de 3.º de Primaria viviu unha experiencia do máis divertida na que puxo a proba a súa creatividade, habilidade e traballo en equipo construíndo as súas propias cometas.
A actividade comezou nas aulas, onde, organizados en pequenos grupos, os nenos e nenas mediron e recortaron o papel de seda e montaron as estruturas empregando lixeiras variñas de madeira e corda. Cada equipo personalizou a súa creación con teas de cores e engadiu uns flecos na cola para favorecer a súa estabilidade durante o voo.
Pero o momento máis agardado chegou cando toda a clase saíu á pista deportiva para probar as súas creacións. Aproveitando o vento de media mañá, os escolares correron polo patio, axustando a lonxitude dos fíos e descubrindo como a forza do vento permitía elevar as súas cometas varios metros sobre o chan.
Unha actividade na que aprender, experimentar e divertirse foron da man. Gustoulles tanto a experiencia que algún xa está pensando en incluír unha cometa na súa carta a Papá Noel!
