O Irmán Guti achega o espírito do Nadal e o valor do artesanal ás aulas de 6º de Primaria e ESO

A través de obradoiros de acuarela, relevo e papiroflexia, o Irmán Guti reivindicou a importancia de recuperar as postais en papel fronte á inmediatez dixital

Con motivo da próxima chegada das festas do Nadal, o Irmán Guti visitou esta semana as aulas de 6º de Educación Primaria e os distintos cursos de ESO para compartir co alumnado unha xornada creativa chea de ilusión, aprendizaxe e traballo manual.

Máis alá da técnica, o Irmán Guti aproveitou o encontro para dialogar cos rapaces e rapazas sobre a importancia que teñen as actividades artísticas no seu desenvolvemento persoal. Así mesmo, reflexionou con eles sobre o valor de recuperar o costume de enviar postais en papel, unha tradición cargada de afecto e dedicación que se foi perdendo co auxe das comunicacións instantáneas no mundo dixital no que vivimos.

Para levar esta idea á práctica, os estudantes puxeron a proba a súa destreza e imaxinación a través de diversas propostas manuais guiadas. Entre as creacións máis destacadas atopáronse a elaboración de postais de Nadal pintadas con acuarelas e o deseño de orixinais tarxetas motivos nvideños en relevo, moi coloridos, achegando un toque tridimensional aos seus traballos e engadíindolles unha mensaxe de Nadal escrita do seu propio puño e letra. Ademais, confeccionaron delicadas rosas de papel listas para agasallar ás súas familias e seres queridos.

Desde o centro educativo queremos aproveitar estas liñas para agradecerlle fondamente ao Irmán Guti a súa total disposición, o seu tempo e as valiosas ensinanzas compartidas co noso alumnado nestas datas tan sinaladas.

Galería de fotos

Deja un comentario