- A clase de 3º EP recibiu na mañá do venres 14 de marzo unha visita moi especial de varias persoas da Asociación Sociocultural ASCM na que lles amosaron como é o día a día das persoas con discapacidade e tiveron a ocasión de comprobar que difícil é manexarse nunha cadeira de rodas.
O colexio La Salle de Ferrol é un centro aberto á sociedade, que coñece a realidade das persoas que nos rodean e que centra a súa mirada nas realidades máis desfavorecidas. Desde o centro, pretendemos educar ao noso alumnado no compromiso coa situación social da nosa contorna, a solidariedade, a escoita… É por iso que, o noso Plan de Achegamento á Realidade (PAR) permite que os nosos alumnos/as coñezan, cada ano escolar, diferentes situacións sociais de persoas máis desfavorecidas. O modo de traballo consiste nunha primeira fase de investigación, realizada no trimestre anterior, na que se van achegando a dita realidade. A segunda fase consiste en ter contacto con persoas que viven ou traballan con esa realidade.
Durante este mes, producíronse diferentes testemuños de diversas organizacións sociais entre os que destacou a visita deste venres 13 da Asociación Sociocultural ASCM á clase de 3º EP. Nese encontro, o alumnado coñeceu a que se adica esta asociación, os diferentes tipos de discapacidade, os Xogos Paralímpicos… E como non hai mellor maneira de aprender que experimentar un mesmo, tiveron a ocasión de comprobar a dificultade que conleva manexarse cunha cadeira de rodas.
Queremos agradecer a colaboración das diferentes entidades que se achegaron ao centro para poder ofrecer a súa experiencia ao noso alumnado.