Unha decena de alumnos/as 3º e 4º da ESO participantes no programa Pasaporte Solidario visitou na tarde de hoxe, 22 de outubro, a Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, nunha xornada de encontro, aprendizaxe e colaboración que lles permitiu coñecer de primeira man o importante labor que desenvolve esta entidade.
Durante a visita, os estudantes percorreron as instalacións do centro que a asociación ten en Ferrol e descubriron a diversidade de actividades que se realizan en prol do benestar, a autonomía e a inclusión das persoas usuarias. Entre elas, destacan os obradoiros ocupacionais, as actividades de informática e marquetaría, as sesións de ximnasia e outras propostas que contribúen ao desenvolvemento persoal e social. Ademais, coñeceron novos proxectos da entidade, como a apertura dun centro destinado a persoas máis novas en Ferrol e dunha residencia nas Pontes.
Un dos momentos máis enriquecedores da xornada foi a participación do alumnado nos obradoiros, colaborando man a man coas persoas usuarias. Os rapaces e rapazas implicáronse en diferentes tarefas, como actividades de debuxo e a preparación das bolsas que forman parte da cesta de benvida para os bebés recentemente nacidos que se entrega nos hospitais ou ña decoración do centro coa temática do Samaín. Unha experiencia práctica na que compartir tempo, traballo e aprendizaxes se converteu nunha oportunidade para achegarse a outras realidades e comprender o valor da colaboración.
Esta visita enmárcase no compromiso do noso colexio coa solidariedade e a participación social a través de Pasaporte Solidario, unha iniciativa que busca que o alumnado se implique activamente na comunidade e descubra que pequenos xestos poden contribuír a construír un mundo máis xusto, fraterno e inclusivo.
A experiencia permitiu aos estudantes valorar o traballo diario da Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal e reflexionar sobre a importancia de eliminar prexuízos, fomentar o respecto e promover a inclusión das persoas con problemas de saúde mental.
Porque a solidariedade non consiste só en axudar, senón tamén en compartir, escoitar e aprender das persoas que nos rodean. E iso é, precisamente, o que fai de Pasaporte Solidario unha experiencia educativa que vai máis alá das aulas.
