A biblioteca do colexio comeza o curso chea de novas propostas para gozar da lectura, compartir experiencias e aprender colaborando cos demais.
Na semana do 5 de outubro puxéronse en marcha os recreos alternativos, unha iniciativa que ofrece ao alumnado novas formas de aproveitar o tempo de lecer. Estreouse a proposta cos puzzles, que se converteron nunha oportunidade para desenvolver a concentración, a paciencia e o pensamento lóxico, ao tempo que serviron para compartir momentos divertidos cos compañeiros e compañeiras.
Outra das novidades foi o inicio do servizo de voluntariado da biblioteca, no que o alumnado participante comezou a asumir un papel activo na vida deste espazo. Unha das súas primeiras tarefas foi acompañar os nenos e nenas de Educación Infantil no préstamo de libros. Os voluntarios e voluntarias achegáronse ás aulas, acompañaron os máis pequenos ata a biblioteca e axudáronlles a buscar e escoller os exemplares que máis lles interesaban. Unha experiencia de acompañamento entre iguais que favorece o gusto pola lectura e fortalece os lazos entre o alumnado de diferentes etapas.
Ademais, o equipo de voluntariado está colaborando na organización e catalogación dos fondos bibliográficos e recibindo formación no uso do programa Koha, a ferramenta que permite xestionar de maneira informatizada o empréstito de libros.
Con estas iniciativas, a biblioteca convértese nun espazo cada vez máis dinámico, participativo e aberto a toda a comunidade educativa. Un lugar onde non só se len historias, senón que tamén se constrúen amizades, se comparten aprendizaxes e se aprende a colaborar.
Porque unha biblioteca viva é aquela na que todos e todas teñen algo que achegar e moito por descubrir.
