A biblioteca escolar do centro acolleu unha actividade formativa enmarcada no Plan de Lectura, Escritura e Acceso á Información (PLEA), coa participación do alumnado de 3º ESO e de 6º de EP.
A iniciativa contou coa colaboración da materia de Tecnoloxía na que se traballou previamente co alumnado de Secundaria na elaboración de diversas presentacións sobre alfabetización dixital. Estas foron expostas nunha xornada dinámica na que os estudantes de 6º de EP se organizaron en grupos para asistir, de maneira rotatoria, ás distintas sesións.
Nestas catro charlas abordáronse preguntas clave para un uso responsable da información que se atopa en internet. O alumnado explicoulles como facer unha navegación segura, que precaucións deben ter na rede, como detectar noticias falsas —incluso crearon unha fake new como exemplo práctico—, e tamén a importancia do respecto á propiedade intelectual, o plaxio e a importancia de citar sempre as fontes cando se inclúe información extraída dalgunha web.
Ademais, tamén se ofreceron nocións básicas sobre o uso de procesadores de texto, facendo fincapé na elaboración de presentacións, o uso de enlaces e os distintos permisos á hora de compartir documentos.
A actividade resultou moi enriquecedora para todos, fomentando a aprendizaxe colaborativa e o desenvolvemento de competencias dixitais fundamentais e, de seguro, terá continuidade en vindeiras edicións.
