A metodoloxía do Novo Contexto de Aprendizaxe (NCA) marca o ritmo de aprendizaxe das clases de todo o centro, desde educación infantil ata secundaria. Trátase dun marco pedagóxico e pastoral innovador dos centros La Salle. Esta novidosa metodoloxía pon ao alumnado no centro, promovendo unha aprendizaxe experiencial, competencial e significativa que integra as dimensións emocional, cognitiva, social, corporal e espiritual para formar persoas integrais.
O proxecto «Chequea a túa saúde» que se traballou nas últimas semanas na clase de 5º EP rematou o pasado xoves 26 de febreiro cunha «Feira da saúde» na que estiveron convidadas as familias da clase.
Para preparala, o alumnado levou a cabo unha investigación das tarefas propostas no mapa de aprendizaxe sobre os sentidos do ser humano, o aparato locomotor, a saúde… Os contidos analizados leváronse a situacións reais, incidindo na importancia que teñen para coidar a nosa saúde e tamén coñeceron distintas asociacións que axudan ás persoas que teñen algunha diversidade.
A feira final foi a maneira de dar a coñecer ás familias todas as aprendizaxes realizadas durante todas esas semanas de traballo. Aínda que estaban un chisco nerviosos, todos contribuíron coas súas explicacións e quedaron encantados coa experiencia.
