A lectura ocupa un lugar fundamental no día a día do nos centro, como ferramenta esencial para a aprendizaxe, a comunicación e o desenvolvemento persoal do alumnado. Dentro deste compromiso, o centro pon en marcha un curso máis o programa «Parellas Lectoras», unha proposta que converte a lectura nunha experiencia compartida e enriquecedora.
O programa, baseado en técnicas de titorización entre iguais para a mellora da competencia lectora, pon en contacto ao alumnado de 4ºEP con 6º EP e de 3º EP con 5º EP, creando espazos nos que os nenos/as aprenden uns de outros mentres comparten o gusto polos libros e polas historias.
As Parellas Lectoras desenvólvense tanto en galego como en castelán, cunha especial incidencia na lectura en galego, ao tratarse dunha das áreas de mellora identificadas no PLEA do centro. Deste xeito, a actividade convértese tamén nunha oportunidade para fomentar o uso e o goce da lingua galega a través da lectura.
Ao longo das sesións trabállanse diferentes tipos de textos, desde descritivos e instrutivos ata outros formatos e xéneros como a narrativa, a poesía ou a banda deseñada. Ademais, a lectura non queda limitada ao papel: tamén se empregan soportes dixitais, ampliando as posibilidades de acceso aos textos e adaptándoas ás diferentes formas de aprender e achegarse á lectura.
Pero, sobre todo, as Parellas Lectoras son un momento para compartir. Compartir palabras, historias, descubrimentos e aprendizaxes con compañeiros e compañeiras doutras aulas. O alumnado acolle a proposta con entusiasmo e goza especialmente dese tempo de encontro arredor dos libros.
Porque no noso colexio entendemos que fomentar a lectura é moito máis que ensinar a ler: é crear oportunidades para descubrir, imaxinar, comprender e gozar xuntos. E iniciativas como as Parellas Lectoras demostran que, cando a lectura se comparte, tamén se multiplica a aprendizaxe.
