O alumnado da aula de educación especial tivo hoxe unha saída cultural a Ferrol e mándannos esta reseña da súa saída. Pasárono realmente xenial.
«Os nenos e nenas da aula de Educación Especial aproveitaron este marabilloso día para despedir o curso por todo o alto, facendo unha excursión ao centro de Ferrol.
Primeiro colleron o autobús urbano para achegarse ata a praza de España e comezar visitando o Museo de Historia Natural. Alí tiveron a oportunidade de coñecer moitas especies do entorno mariño de Galicia e de fóra da comunidade, sorprendéndose cun exemplar de lura xigante e cos ósos de balea máis grandes que endexamais viran. Dentro do museo, tamén puideron descubrir especies terrestres, como o cervo ou o raposo, observando as súas estruturas óseas a escala real.
Para a busca dos diferente seres vivos, utilizaron unha ficha na que ían pechando nun círculo aqueles que atopaban. O último que visitaron foi unha sala cunha exposición de rochas fermosas con diversidade de cores e texturas; e, antes de marchar, foron espectadores nunha sala de proxección dun vídeo sobre a recollida do exemplar de candorca que atoparon en Burela e teñen na exposición do entorno mariño.
Cando saíron do Museo, dirixíronse ao Parque Raíña Sofía, facendo un camiño cultural por Canido e parando alí onde atopaban algunha das obras de arte baseadas nas Meninas de Velázquez. Mirade as fotos e veredes que chulada!
Unha vez no parque, tomaron a merenda e déronlles de comer aos pavos reais e a unha bandada de pombas que tiñan moita fame. Algunhas incluso lles deron un pequeno susto do rápido que voaban para coller o pan!
Logo dun pequeno tempo de lecer, retomaron o camiño para volver, subindo ao autobús na parada da Praza Vella.
Pasárono realmente ben e chegaron xusto a tempo para compartir un pouco a festa que tiñan montada o resto dos compañeiros. Foi un día fantástico para poñerlle broche final a este curso.
Feliz verán!»